Monday 13 de May de 2024

Aurora Marco presenta en Lousame o seu libro “De María Vinyals a María Lluria” , a posta en valor da “voz do feminismo” na súa época


Teresa Villaverde agradeceu o traballo de Aurora Marco por “facer visibles a moitas mulleres que, de non ser por estas publicacións, non as coñeceriamos”

A Casa da Cultura de Lousame acolleu na noite de venres a presentación do libro “De María Vinyals a María Lluria”, de Aurora Marco e María Ángela Comesaña. Un acto organizado pola asociación cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Concello de Lousame que contou coa participación de Aurora Marco, da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; de Ana Blanco, vicepresidenta da Fundación Rosalía de Castro; e de Patricia Torrado, da editorial Toxosoutos. O coordinador de Barbantia, Pastor Rodríguez, exerceu como presentador dun “estudo exhaustivo e detallado que enriquece o que sabiamos de María Vinyals, sobre a súa vida e a súa obra”.

Teresa Villaverde agradeceu o traballo realizado por Aurora Marco neste libro e por “facer visibles a moitas mulleres que, de non ser por estas publicacións, non as coñeceriamos”. Villaverde salientou o papel de María Vinyals na defensa dos dereitos das mulleres e, en especial, o acceso ao ensino, pois foi fundadora do Centro Iberoamericano de Cultura Popular Feminina, unha institución que tiña o obxectivo ensinar ás nenas que non tiñan acceso a outro tipo de educación. Neste sentido, a alcaldesa de Lousame indicou que “hai que recordar nas aulas de onde vimos e o que se avanzou. Pero tamén temos que seguir avanzando e que non haxa volta atrás”.

Voz do feminismo

Pola súa banda, Aurora Marco salientou a figura de María Vinyals, quen “quixo paliar a penosa situación da educación da muller naquel tempo”, pero fixo especial fincapé no seu labor como xornalista. “A prensa serviu como canle para amosar a súa filosofía de vida, acertadas análises políticas e a súa apaixoada defensa das mulleres”, indicou Marco, quen salientou que Vinyals “chegou a ser redactora, algo insólito daquela porque as mulleres só eran colaboradoras”. Así mesmo, Aurora Marco destacou o “compromiso coa defensa dos dereitos femininos” de María Vinyals, chegando a ser “voz e teoría do feminismo” na súa época.

Ao conmemorarse o Día de Rosalía, Aurora Marco pechou a súa intervención facendo unha comparativa entre ambas escritoras: “dúas grandes mulleres das letras galegas e españolas. Unha a nosa máis grande poetisa. Outra unha muller con gran proxección nos medios da época pero esquecida na actualidade. Ambas abriron portas e xanelas para ver o mundo doutra forma e defenderon os dereitos femininos”.

Finalmente, Patricia Torrado destacou que María Vinyals “é unha muller que pasou desapercibida totalmente ata que Aurora Marco lle deu voz” e salientou que “vía que as mulleres non podían podían cultivar a intelixencia porque era máis produtivo que estiveran zurzindo calcetíns. Iso é o que se dicía na educación da época, nunhas escolas ás que non ían as mulleres”.

Durante o acto, Ana Blanco, acompañada ao piano por unha alumna da Escola de Música de Lousame, interpretou tres poemas de Rosalía de Castro que foron moi aplaudidos polo máis de medio cento de persoas presentes no auditorio da Casa da Cultura. Uns asistentes que levaron de agasallo o número 132 do suplemento cultural “A Voz de Barbantia”.